Opinión

Prohibir o que non existe

[Xoán Costa]

Leo, con certo interese, as actividades que fican prohibidas e aquelas que son autorizadas na relación que a Xunta da Galiza fai, vía DOG, e que entraron en vigor na pasada medianoite, con nove horas de atraso sobre a palabra do Presidente Feixoo.

E hai unha que me chama a atención, a que di que fican prohibidos “os espectáculos taurinos, circenses, feirais e de exhibición, pirotécnicos”. Sobre a pirotecnia non digo nada, o sector xa foi castigado coa inexistencia das festas no verán, mais, a verdade, non vexo mal en botar algún foguete. Mais prohibir os espectáculos taurinos cando non hai ningún programado para o que resta de ano parece unha medida introducida no DOG mediante un copia-pega doutros diarios oficiais, quen sabe se de Madrid que si tomou esta medida en setembro.

E é lástima pois aquí hai moitas cousas que prohibir, a comezar polas touradas, e moitas outras que regular, por dicer só unha, regular a maneira de Alcoa non facer o que lle dá a gana. Mais parece que iso non cabe no DOG.

Comentarios