Opinión

Os problemas reais dos concellos galegos

O número de concellos que ten o país -314 após a fusión de Oza dos Ríos e Cesuras- non é o principal problema da ordenación do noso territorio. Un dado abonda para ilustrar esta afirmación: unha soa provincia española, Burgos, ten 371 municipios. Desde Monte Pío todo o discurso que se manexa sobre a administración local galega é que sobran concellos. Subxace neste relato a ideoloxía neoliberal que impregna o PP e a sospeita sobre todo o público: sobran concellos porque son administracións que non están rexidas pola lóxica do beneficio mercantil, como no seu día tamén sobraron as caixas de aforro, absorbidas polo capital financeiro foráneo durante a etapa de Feijóo.

Os problemas reais dos concellos galegos son moi outros. Teñen a ver, antes do máis, co seu deficiente financiamento, claramente discriminatorio a respeito do promedio estatal. Ten a ver cunha estrutura administrativa de carácter colonial, que non ten en conta a realidade material do noso territorio. Non é posíbel abordar os seus problemas de forma eficiente se non se avanzar de vez coa comarcalización e se non reforzamos as competencias do goberno galego, en detrimento das deputacións, para os concellos non se veren obrigados a asumir atribucións (no ensino por exemplo) que exceden con moito a súa capacidade de xestión.

Neste Sermos198 debruzámonos sobre a fusión que impulsa agora o Goberno Feijóo, a de Cerdedo e Cotobade. É un calco da xa perpetrada con Oza dos Ríos e Cesuras

Neste Sermos198 debruzámonos sobre a fusión que impulsa agora o Goberno Feijóo, a de Cerdedo e Cotobade. É un calco da xa perpetrada con Oza dos Ríos e Cesuras, isto é, estase a facer de costas ás veciñas e aos veciños e sen realizar un estudo pormenorizado sobre os efeitos que da súa materialización decorrerán para as persoas que habitan eses territorios. Baste un dado para retratar a oposición veciñal a este proxecto: só en Cotobade, un concello con 2.700 persoas con direito a voto, se teñen formulado por volta de 1.000 alegacións á fusión.

Non ten xeito que se fusionen concellos por decreto e non o ten que se utilice a agregación de municipios como unha cortina de fume para tapar os verdadeiros problemas das administracións locais galegas.

Comentarios