Opinión

Primavera para o galego

[Xoán Colazo]

Varios estudos inciden estes días nalgo sabido pero non por iso asumíbel, o proceso acelerado de substitución lingüística do galego polo español: unha alta porcentaxe de estudantado remata a ESO sendo incompetente na nosa lingua (RAG), nos procesos xudiciais non se garante o uso do galego (Consello de Europa), só un de cada mil títulos audiovisuais infantís na TV por fibra está en galego (A Mesa), na xeración millennial dáse violencia simbólica e galegófoba nos centros de ensino e traballo (RAG/Rodríguez Carnota).

Ante isto o Goberno galego di que vai polo bo camiño; como non ignoran a realidade é que concordan con ela. De certo esta muda lingüística non é natural ou unha evolución lóxica, senón que precisa da constante iniciativa da Xunta para afondar no abandono do galego. Cambiar as tornas, facer fluír o galego sería un primeiro paso tan sinxelo e complexo como retirarlle os atrancos que agora lle pon o propio Goberno. Unha maioría social reclama isto todas as primaveras, como esta e até que sexa certo.

Comentarios