Opinión

Un presidente sen proxecto para o país

Non é que Feijóo non teña un proxecto, teno, o problema é que é un proxecto persoal

Non é que Feijóo non teña un proxecto, teno, o problema é que é un proxecto persoal, non é un deseño para o país. Vivimos unha estraña provisionalidade, a decorrente dun presidente do goberno que a un ano vista parece -como acertadamente definiron os distintos portavoces da oposición- esgotado e amortizado. Sermos Galiza soubo, en fontes da súa contorna persoal, que está desiludido, que lle falta entusiasmo pola tarefa. Pois se iso for así, o lóxico sería que puxese final ao seu labor xa e se apresentase, se así o quixer, ao Congreso nas listas do PP o 20 de decembro ou, alternativamente, enfilase o camiño da súa casa.

En todo caso, Feijóo non pode transformar o seu problema persoal nun problema político para Galiza de interinidade e desgoberno. E estamos a un milímetro de estarmos nese problema. E esa é unha grave irresponsabilidade dun político que ten construído a súa carreira na Galiza sobre a base de fuxir precisamente sempre das súas obrigas, ou de desprazalas cara a outros actores, en función das súas conveniencias.

Feijóo non pode transformar o seu problema persoal nun problema político para Galiza de interinidade e desgoberno

Si que é verdade que este Debate do Estado da Nación deixou un certo ar de despedida de Feijóo no ambiente ("grazas por todo, Galiza", acabou dicendo), mais o relevante é que o partido no goberno, o PP, non está en mellor disposición anímica e política que o seu líder. O PP galego mostrou no debate que carece de alternativas concretas para os graves problemas (crecimento menor que España, declive demográfico, crise estrutural dos sectores produtivos) que enfrontamos como sociedade. A única boa noticia é que xa estamos na recta final da lexislatura. Cabe ás forzas da oposición, e nomeadamente as que teñen a soberanía como obxectivo, formular a partir de agora un proxecto de país que sexa quen de conquistar a maioría social nos meses que temos por diante antes de se abriren os colexios eleitorais.

Comentarios