Opinión

O presidente escapista

[María Obelleiro]

O PP non saltou o guión. Como estaba previsto, tombou a proposta do BNG, de maneira que Feixoo non comparecerá no Parlamento da Galiza e non dará conta da xestión improvisada da pandemia. As medidas polémicas que foi adoptando nos últimos meses provocaron o malestar do sector hostaleiro e mais do sanitario, que segue a verse afogado e sen recursos para atender a sobrecarga de traballo motivada pola Covid, polo incremento de turistas e pola falta de substitución do persoal de permiso, baixa ou vacacións. Súmase a isto un sistema de rastrexo desbordado, que non logra seguir a pegada do virus.

Para Feixoo, desaparecido, semella estar todo ben. Quere que pase desapercibida a labazada que lle deu o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza pola chapuza do certificado Covid-19 para acceder á hostalaría. O TSXG considerou innecesario e non idóneo o documento e no último auto chegou a advertir da demonización que sofre este sector. Feixoo, tira do seu mentor Aznar, e vende que a Galiza vai ben. E así nos vai...

Comentarios