Opinión

As présas e a campaña

[Alberte Mera]

Asumir erros e rectificar é de persoas sabias. Iso piden as familias da tripulación falecida no Vila de Pitanxo en Terranova. A semana pasada a empresa encargada de fretar o barco encargado de inspeccionar o pecio afundido advertiu o Goberno español que, se non asinaban o contrato da misión, desistirían de realizar este traballo de investigación dado os custos que lles ocasionaba estar agardando pola sinatura dun contrato que non se daba producido. Nos tempos de campaña electoral en que vivimos non é estraño ver como cuestións que levan paradas, de súpeto, empezan a avanzar de forma acelerada.

E a inconstancia é terríbel, facer as cousas rápido e mal porque no seu tempo non se lle deu a importancia que requiría trae erros básicos: ao día seguinte da protesta da empresa, o Goberno estatal asinou o contrato e o barco saíu do porto de Vigo para cumprir a súa misión, mais saíu ao mar sen o control e coñecemento da Audiencia Nacional, o cal compromete, temen as familias, os resultados da inspección para dirimir que foi o que aconteceu e que responsabilidades pode haber do afundimento do Vila de Pitanxo.

A Xustiza reprendeu o Goberno, as familias pediron rectificación, tamén forzas políticas demandárono, o BNG no Congreso volveu instar onte o Executivo a que cumpra co requirimento xudicial. Sería bon unha rectificación ou, polo menos, dar seguridade xurídica ao que aconteza.

Comentarios