Opinión

Prepotencia colonial

Xa sabemos como funciona o capitalismo real: os beneficios son sempre privados, as perdas acaban por se socializaren. Acabamos de ter unha nova proba esta semana. Era un segredo a voces, mais o ministro de Fomento verbalizou esta segunda feira que, con efeito, o Estado vai resgatar as ruinosas autoestradas madrileñas. Un durísimo golpe ás arcas públicas, que sufragaremos na nosa alicuota parte como contribuíntes, por un monto estimado na contorna dos 5.500 millóns de euros. Estamos a falar dun monstro posto en marcha polo moi neoliberal goberno Aznar: os delirios daqueles que abominan do sector público acaban sempre sendo saneados polo diñeiro de todas e de todos.

Actúa o Estado por igual en todos os territorios? Non. Na Galiza non actúa así. Ao contrario, con prepotencia colonial, non só non contempla a hipótese de resgatar a AP9 -unha autoestrada moito máis que amortizada e que representa un lastro evidente para a modernización da economía galega-, senón que mesmo se nega a tramitar no Congreso unha proposición do lei do noso Parlamento para a súa transferencia, o que constitúe mesmo unha ofensa á dignidade da nosa cámara de representación.

Con prepotencia colonial, o Estado non só non contempla a hipótese de resgatar a AP9, senón que mesmo se nega a tramitar unha proposición de lei do noso Parlamento para a súa transferencia

A presión política fai que Feijóo manteña formalmente a petición de transferencia, mais no mundo dos feitos o presidente da Xunta está lonxe de ter a firmeza que a situación require. Non ve Feijóo o que ve o resto da sociedade galega? Non ve a aldraxe dos 5.500 millóns de euros para Madrid e cero euros para Galiza? Claro que o ve, mais finxe que non, como finxen con el os seus meios de comunicación amigos, sempre prontos para blindar o executivo galego nos momentos comprometidos.

A prepotencia colonial do Goberno do Estado non se expresa só no veto á transferencia da AP9, eis temos a polémica en curso sobre a entrada do AVE a Galiza. Máis unha vez, e con independencia do lance de distracción arredor da variante a Ourense, o que temos sobre a mesa é o enésimo incumprimento de prazos por parte de Madrid, coa benzón de Monte Pío. O AVE chegará a Galiza no mellor dos casos tres décadas despois de que tocase Sevilla. Plenamente colonial.

Comentarios