Opinión

#Preparados, Vox

[Xoán Costa]

Feixoo non é, aínda, presidente do PP. Esa formalidade chegará nuns días. Mais é evidente que o acordo entre PP e Vox en Castela e León non se formalizou sen o seu coñecemento nin sen o seu consentimento. Como, se non for así, habería que interpretar as súas declaracións na presentación dos avais? "Estamos preparados para abrir un novo tempo", dixo. E tamén é claro que este acordo estará de fondo e marcará o discurso de Feixoo durante a súa campaña de captación de apoios para o congreso de abril en Sevilla. Sen esquecer que ese discurso como candidato estará na boca do, aínda, presidente da Galiza.

Non pode ser casualidade que a xira presidencial polas 17 comunidades autónomas comece en Murcia, fortín de Vox. E que o congreso que entronizará Feixoo se celebre en Sevilla, o outro espazo en que a presenza de Vox pode chegar a ser determinante para o goberno andaluz. Esa é a mensaxe para ese novo tempo: pactar con Vox en todas as institucións do Estado. E a iso chama o presidente "estar no lado correcto da historia".

Comentarios