Opinión

De portadas e palabras preferidas

[María Obelleiro]

Pasou o Día das Letras Galegas e hoxe volta o español ás portadas dos diarios que se editan na Galiza, porque un día ao ano [redactar en galego a capa] non fai dano. Tamén onte foi o día en que proliferan as enquisas a modo de: cal é a súa palabra preferida en galego? Orballo, bolboreta, axóuxere! O compromiso de Nós Diario co idioma propio da Galiza é indiscutíbel, pois é unha das razóns de ser deste medio de comunicación. Nunca serán suficientes as grazas por facer posíbel co voso apoio acabar coa anormalidade histórica que representaba o feito de non haber nos quioscos diarios en papel en galego. Para seguir contribuíndo na promoción e difusión da lingua é fundamental que reivindiquemos o dereito a vivir en galego, en todas as esferas da vida, e animemos a quen non o fai a facelo e a quen o fala, a falalo. A Xunta da Galiza non valoriza o idioma propio, e mesmo adopta medidas para degradalo a respecto do español, mais está na man de todas e todos nós acabar coa discriminación. Apostemos nas iniciativas en galego!

Comentarios