sábado 06/03/21

Policía si, policía non

[María Obelleiro]

O de Feixoo son as contradicións. Hai apenas uns días, avanzaba que aliviaría as restricións a partir da semana que vén. Un anuncio que fixo público cando aínda non se reunira o comité clínico que asesora a Consellaría de Sanidade. Desde a tribuna do parlamento, o presidente da Xunta insistía onte nunha desescalada “medida e gradual” e tan só unha hora despois, o conselleiro de Sanidade expuña en rolda de prensa que “non se pode falar” de desconfinamento dada a actual incidencia e a ocupación das UCI.

Mais non só en sanidade patina Feixoo. Agora di que o actual marco competencial non lle serve para xestionar a pandemia. E iso que en 11 anos non reclamou nin unha soa transferencia de competencias. Repítense as comparecencias en que Feixoo e os seus membros de Goberno -o último, Rueda, onte no debate parlamentar- reclaman máis policías e que os efectivos dos diferentes corpos se poñan a “disposición” da Xunta. Vendo que Galiza é a única nación sen corpo policial de seu no Estado español e que o PP ten votado en contra da súa creación, estaremos ante unha nova contradición do presidente ou é outra maneira de criticar o Goberno estatal?

comentarios