Opinión

O plurilingüismo como castración

[María Obelleiro]

Dise que nada pode medir o poder que oculta unha palabra. Pensen en bilingüismo ou en plurilingüismo, ás que tanto recorre o argumentario do PP para atacar o galego. Exemplificouno ben Manuel María cando escribiu que o bilingüismo é aparello de castración. Feixoo e o seu séquito empregan ambas as verbas como eufemismo para agochar a discriminación ou directamente a exclusión do idioma propio en ámbitos onde xa contaba cunha cativa visibilización, eis o ensino, onde prohibiron expresamente impartir en galego Física, Química, Matemáticas e Tecnoloxía. Xa evitamos aludir ao uso do idioma no desempeño das súas funcións públicas.

O IGE e o Consello de Europa, que non son sospeitosos de seren nacionalistas, evidencian o impacto das medidas galegófobas de Feixoo á fronte da Xunta. O órgano europeo chegou a recomendar a eliminación das limitacións á docencia na lingua propia, mais nin así. O PP teima na súa particular guerra contra o galego cando é coñecedor de que na Galiza non hai bilingüismo nin plurilingüismo ningún, senón un proceso de substitución do galego polo español. Non hai máis que saír á rúa e abrir ben as orellas.

Comentarios