Opinión

Sen piedade coas pensións

[Alberte Mera]

Esta semana fixéronse 12 anos do acordo alcanzado entre o Goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero, a patronal e os sindicatos UXT e CCOO para a reforma do sistema de pensións polo que se aprobaba atrasar de 65 a 67 anos a idade de xubilación. Estas semanas Francia rexistrou folgas e masivas mobilizacións contra a reforma de Macron coa que quere atrasar a idade de xubilación dos 62 aos 64 anos. Aínda así, París non é quen de alcanzar o podio español de retrocesos sociais. Na reforma española de 2011 tamén se ampliaba a 37 anos o período cotizado necesario para obter 100% da pensión e subíase de 15 a 25 anos o período para calculala. 

Máis dunha década despois, o ministro Escrivá proxecta ampliar até os 30 anos o período para o cálculo das contías. E que implica alongar o período de cálculo? Un empobrecemento das persoas que maior precariedade viviron: traballadoras e traballadores que non tiveron unha vida laboral estábel e cuxa experiencia estivo marcada por contratos temporais ou xornadas parciais, xa que teñen menos anos cotizados. Estamos a falar, na súa maioría, de mulleres. E estamos a falar tamén dunha Galiza onde máis de 356.290 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre. Onde fica o chamado "escudo social"? 

Comentarios