xoves 28/01/21

Pero que pasa aquí?

[Xesús M. Piñeiro]

Un fondo francés, especialista en investir en infraestruturas de todo tipo por todo o mundo, toma o control da concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro. Faino ao adquirir o 43,33% da concesionaria do hospital, que estaba en mans de Acciona, cun capital social de 13,9 millóns de euros.

Unha nova que volve lembrarnos que o hospital vigués non é enteiramente público. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) debe pagar cada ano á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo 42 millóns de euros en concepto de devolución do prezo de construción do Álvaro Cunqueiro. E a isto hai que engadir outros 30 millóns pola xestión de servizos como o mantemento, a lavandaría ou a limpeza, entre outros. Estamos a falar de máis de 73 millóns de euros anuais, segundo o proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2021, que van para esa sociedade que agora pasa a comandar o grupo francés Meridiam.

Que pasou aquí? Pois que a lóxica do mercado e do negocio impera no mapa sanitario da Galiza grazas ás portas abertas de par en par polos Gobernos de Núñez Feixoo. Non será novidoso mais segue a ser preocupante.

comentarios