Opinión

Pero de que me falan?

[María Obelleiro]

Eu, bo xestor; Sánchez improvisa e a oposición ten a culpa de todo. Desta maneira podería resumirse a intervención de Feixoo no debate da Deputación Permanente que decorreu onte. Máis de mes e medio despois, o presidente da Xunta comparecía perante os lexítimos representantes do pobo galego para dar explicacións da súa xestión na crise do coronavirus. Tratouse dun capítulo máis, sempre seguindo o mesmo guión, na súa serie electoral (televisada coa colaboración inestimábel da CRTVG desde que convocara os falidos comicios do 5 de abril). Ante os evidentes exemplos de desleixo do Goberno galego nas residencias de maiores e ante as cifras oficiais de recortes na sanidade pública, Feixoo sacou peito. Timidamente sinalou a necesidade dun cambio de modelo asistencial nos centros de maiores, mais negouno todo, como se con el non fose o conto. E non só. Tivo a desvergoña de dicir que defendía o autogoberno cando en once anos á fronte da Xunta non solicitou nin unha soa competencia para a Galiza. 

Comentarios