Opinión

Perigosísimo

[María Obelleiro]

Como se prevía, o cambio de titular á fronte da Consellaría de Sanidade non supuxo mellora ningunha a respecto da xestión dos datos da pandemia na Galiza. O Goberno galego segue a furtarnos información esencial, como xornalistas e tamén como cidadás. Di Feixoo que é "perigosísimo" ofrecer datos de contaxios por concellos e que desta maneira protexe a intimidade das persoas afectadas (tremenda escusa!).

O Colexio de Xornalistas dirixíase onte á Consellaría para pedirlle a libre disposición de datos sobre a pandemia, pois iso permitiríanos analizar e entender mellor o seu desenvolvemento. Parece que a Xunta non está polo labor e que a Galiza seguirá a ser o territorio do Estado español, xunto a Estremadura, máis opaco na comunicación de cifras sobre a Covid-19. Non resulta estraño tendo en conta os exercicios de enxeñaría aos que recorre Sanidade para presentar as listaxes de agarda no sistema galego de saúde. Esperas que descoñecemos desde finais de 2019. Se daquela pasaban —de media e con moita maquillaxe— 55 días para unha cirurxía, imaxinen a situación actual.

Comentarios