Opinión

Perdón por?

[Xesús M. Piñeiro]

O informe do Comité europeo para a prevención da tortura (CPT) presentado esta semana documentou serias violacións dos dereitos humanos en comisarías e prisións do Estado español. Unha delegación deste órgano do Consello de Europa visitou cadeas e comisarías españolas e documentou casos de malos tratos e torturas, mesmo a menores de idade. 

Non é unha novidade. As ‘malas prácticas’ mantéñense inalterábeis ano tras ano e independentemente de quen se sente na cadeira de ministro do Interior e de quen conforme o Goberno do Estado, o que debería ser motivo para preocuparnos seriamente. Os informes do organismo chaman ano tras ano a acabar con prácticas como a incomunicación mais baten en ferro frío: o Estado español non está polo labor de mudar os protocolos.

Jorge del Cura, Premio Nacional dos Dereitos Humanos en 2019, declaraba nunha entrevista en Nós Diario que  os altos niveis de tortura, 45 anos despois da morte de Franco “mantéñense de xeito sistemático, con picos cara sectores e momentos concretos”.

Por esta violencia ninguén pide perdón.

Comentarios