Opinión

Perder o tren e o bus

[María Obelleiro]

Se algo puxo de manifesto a bonificación dos abonos para usuarios recorrentes de tren e as rebaixas nos servizos que prestan os autobuses é que se se promove o transporte público, hai demanda. Unha demanda que a día de hoxe non pode ser garantida pola insuficiente oferta que prestan Renfe a nivel camiños de ferro e Monbús no transporte por estrada.

Ante a cantidade de persoas que fican en terra por non dispor Renfe de máis servizos resulta evidente a necesidade de que a Galiza posúa unha rede de proximidade á altura da que xa teñen outros puntos do Estado español con menos poboación que a galega. E, tendo en conta a escasa implantación de camiños de ferro fóra do Eixo Atlántico e da vía Compostela-Ourense, cómpre a posta en marcha dun servizo de autobús en condicións, con horarios e prazas suficientes.

O Goberno estatal ten deberes por facer sendo coñecedor de que mesmo antes de comezaren as bonificacións no tren, ficaban ducias de persoas en terra por falta de ferrocarrís e de frecuencias. E a Xunta tamén debe facer os seus a nivel transporte por estrada, xa que os servizos que prestan as compañías de autobús —nomeadamente Monbús, que xestiona o 80% das liñas sexa por vía directa sexa a través de Unións Temporais de Empresas— son concesións.

Comentarios