Opinión

Perder o tren

[Alberte Mera] 

As novas conexións ferroviarias de alta velocidade a Galiza-Madrid non so chegan tarde, con anos de atraso, senón que o fan mal acompañadas. Canda elas produciuse unha mudanza dos horarios dos trens rexionais e media distancia co pretexto de serviren estes de lanzadeiras e conexións cos comboios chegados da capital do Estado. Todo pensado para o centro do centro. 

Porén, o día a día, o verdadeiro centro da vida, pasa a un segundo plano. E senón que llo pregunten ás traballadoras e traballadores que empregaban o transporte ferroviario para desprazarse aos seus postos de traballo ou ao estudantado que se move en tren cada xornada para ir á universidade. Falo en pasado, porque cos horarios que entraron en vigor a 21 de decembro na Galiza moitas destas persoas tiveron que pasarse ao uso do automóbil privado, supoño que moi ao seu pesar por ter que empregar un transporte non sustentábel e máis caro. E para mostra, un botón: para o traxecto Vigo-A Coruña o primeiro tren de media distancia sae de Vigo ás 6.40 horas e chega á cidade herculina ás 8.13 horas. O seguinte faino ás 9.20 horas. Horarios que son a toda vista imposíbeis de adaptar ás horas de entrada nos postos de traballo ou aulas. E para voltar, as horas de saída tampouco axudan. Para cando tren de proximidade, con frecuencias adaptadas á realidade galega e prezos razoábeis? 

Comentarios