Opinión

"Pequenos erros"

[María Obelleiro]

O primeiro mes de campaña de vacinación contra a Covid demostrou a falta dun protocolo claro e, sobre todo, de transparencia. Á vista están as inoculacións irregulares que saltaron á luz pública, como a da alcaldesa de Boimorto, que se deu de baixa do PP, e a da xefa executiva do grupo de residencias DomusVi, un dos xigantes do sector cuxa deficiente xestión da crise do coronavirus ficou en evidencia. Tamén vacinaron, sen lle corresponder, unhas 200 persoas traballadoras da sanidade que non prestan atención directa aos pacientes na área sanitaria de Pontevedra e cargos directivos do Hospital da Costa de Burela.

Tras un mes de campaña, non coñecemos se existen sancións, se hai investigacións abertas nin se foron aplicadas as medidas correctivas anunciadas polo Ministerio de Sanidade. Se ollamos para Portugal, vemos que dimitiu o coordinación do plan de vacinación por detectar irregularidades no proceso de selección de profesionais do hospital do cal é dirixente. Aquí Feixoo refírese ás vacinacións indebidas como “pequenos erros”.

Comentarios