Opinión

Pensar diferente

[Xoán Costa]

Topamos a diario con mensaxes que consideramos de antiga tradición cando só teñen uns poucos anos de existencia. Son discursos que comezan a se estender nos inicios deste século cando medios políticos ou de comunicación principian a divulgar a idea segundo o cal esta ou estoutra actuación, individual ou colectiva, non é propia do século XXI.

Segundo isto, os sindicatos son institucións impropias do século XXI e si do XIX; a folga é unha medida de presión insolidaria con quen non ten emprego; a sanidade, o ensino ou as pensións públicas son insostíbeis. Da diversidade lingüística ou dos dereitos nacionais mellor non falar, vai contra o progreso.

Esas mensaxes, ligadas sempre ás crises do sistema, callaron con relativa facilidade nos estratos sociais máis afectados por esas mesmas crises e fomos aceitando as consecuencias que este discurso trouxo consigo. Aceptamos como normal o espolio dos recursos comúns ou o incremento das desigualdades sociais, todo, claro está, co aval dos informes técnicos pertinentes e a cobertura legal adecuada pois sempre é bon tranquilizar a conciencia argüíndo que aínda podería ser peor para así podermos asumir, sen o cuestionar, o discurso imperante, medrosos, non vaia ser, de que se nos poida acusar de pensar diferente, escándalo impropio deste século.

Comentarios