Opinión

Tras as pegadas do amianto

A exposición ao asbesto -a manipulación dun material altamente canceríxeno- é un problema de saúde pública de primeira magnitude. Infelizmente, non ten merecido a suficiente atención por parte do establishment político e mediático, nin no Estado español nin na Galiza. Neste Sermos 182 debruzámonos sobre a cuestión. Os dados son terroríficos: na actualidade, a unidade de seguimento da asbestose acompaña a evolución na Galiza de nada máis e nada menos que 1.500 persoas, a maior parte delas ex operarios do naval e da construción. Segundo a OMS, no conxunto do planeta, de aquí a 2030 morrerán cada ano unhas 107.000 persoas como consecuencia da entrada en contacto co amianto.

O amianto tivo tamén, ten, vítimas colaterais. As mulleres. Persoas que acababan enfermando por contaminación indirecta, normalmente por lavaren as roupas de traballo das súas parellas. O amianto, como titulamos na capa, foi un asasino de mulleres. Debemos congratularnos de que xa exista xurisprudencia, sentenzas, que recoñecen esta realidade, como a ditada recentemente en Euskadi contra Arcelor Mittal. O xuíz considera probado que unha muller morreu en outubro de 2011 a consecuencia dun mesotelioma maligno contraído a partir da inhalación das fibras desprendidas de prendas do seu marido.

A unidade de seguimento da asbestose acompaña a evolución na Galiza de nada máis e nada menos que 1.500 persoas

O acompañamento das potenciais vítimas é unha tarefa impostergábel, sendo que o período de latencia das enfermidades asociadas á exposición ao amianto pode chegar aos 40 anos. Nese sentido, é absolutamente parabenizábel o traballo de entidades como Agavida ou o Foro Social Galego do Amianto no seguimento da populación susceptíbel de ter sido atinxida polo amianto.

A análise da cuestión non pode ser completa se obviarmos o terreo das responsabilidades políticas. O Estado español non aprobou a primeira normativa de prevención até unha altura tan serodia no tempo como 1982, cando as evidencias científicas do carácter daniño do amianto xa se viñan acumulando desde o primeiro terzo do século XX. Non é só que se tardase en lexislar sobre o uso deste mineral canceríxeno, é que tampouco se puxeron os medios suficientes para garantir a protección das persoas expostas a el. O Estado debería, pois, asumir as súas responsabilidades e resarcir as vítimas.

Comentarios