Opinión

En Pedrafita non chove?

[María Obelleiro]

As tardías razóns alegadas polo Goberno español para explicar a caída do viaduto da A-6 resultan, cando menos, sorprendentes. Advírtese de que o mantemento da ponte non era a acaída a respecto da impermeabilización e tamén se dá conta da degradación da obra debido á entrada de auga. Preguntámonos se acaso non se analiza a orografía dun lugar en que se constrúe semellante infraestrutura antes de acometela. Quizais en Madrid pensen que en Pedrafita non chove, non venta e non neva.

Preguntámonos tamén se algo tería a ver neses defectos de construción e mantemento o feito de que a obra se adxudicara cunha rebaixa do 25% no prezo de licitación, ao caer dos 20.000 millóns de pesetas aos 15.000 millóns de pesetas. Unha adxudicación da que resultaron beneficiadas dúas das grandes empresas da construción pública: FCC —das Koplowitz— e OCP -agora pertencente ao grupo ACS, de Florentino Pérez-. Dous xigantes con conexións políticas. De feito, o ex presidente de FCC e irmán do ex ministro Mayor Oreja recoñecera perante o xuíz que a construtora fixera doazóns ao PP burlando a lei. Ambas as compañías tamén foran sinaladas en 2006 polo ex xerente do PP na Galiza como doadoras do partido e na contabilidade deste, entregada por Bárcenas ao xuíz, tanto ACS como FCC aparecerían como fontes de financiamento.

Comentarios