Opinión

Pedir sen facer

[Alberte Mera]

Quen algo quere, ten que moverse, din. Moitas son as carencias da Galiza e a estratexia repetida polo Goberno galego en cuestións como a desindustrialización do país, sen exercer competencias que, en moitos casos, son cativas pero que lle corresponden, non parece ser efectiva. É dicir, pedir ao Estado sen facer, non chega, por moito que o Executivo estatal cumpra ou non cumpra coa Galiza. Seguindo a estela que guiou os 13 anos de Gobernos de Alberto Núñez Feixoo na Xunta da Galiza, a de non exercer nin demandar novas competencias para o país e responsabilizar das eivas que tivese o seu gabinete ao Goberno estatal, estreouse onte o vicepresidente primeiro da Xunta, o coruñés Diego Calvo. Queixouse onte da falta de efectivos no corpo da Policía Autonómica galega, que é unha unidade do corpo nacional da policía española adscrita á Xunta da Galiza.

Por iso a Administración galega non pode ampliar nin mudar o número de efectivos. Só pedirllo ao Estado. O conto sería distinto se a formación do vicepresidente Diego Calvo non tivese bloqueado no Parlamento galego as iniciativas para a Galiza ter as competencias en Tráfico, que daría ao país a capacidade de crear unha policía galega, ao estilo da que contan Euskadi, Nafarroa, Canarias ou Catalunya.

Comentarios