Opinión

Páulov

[Xoán Costa]

A noticia da chegada do rei emérito a Sanxenxo fainos pensar nos experimentos sobre fisioloxía da dixestión realizados polo premio nobel ruso Páulov. Non de outra maneira se poden entender, se non é á luz dos reflexos condicionados, as declaracións do máximo mandatario galego ao asociar a chegada do emérito cun maior beneficio para a Galiza do ponto de vista “do turismo, da afluencia e de pornos no mapa”.

Ignora Rueda que Galiza leva séculos no mapa, a pesar dos intentos da monarquía borbónica de nos borrar del. Esa ignorancia sería xustificábel pois, a fin de contas, o seu Goberno non permite estudar a historia da Galiza no ensino regrado.

O que é inxustificábel é que faga esas declaracións no día en que a Galiza honra, a través de Florencio Delgado, todas as persoas exiliadas por obra e graza do réxime fascista que puxo na xefatura do Estado o emérito. 
Gobernar en base á teoría dos reflexos condicionados é unha opción, seguramente a mellor para axudar os amigos, mais non para a Galiza.

Comentarios