Opinión

O patriarcado en San Caetano

[Alberte Mera]

Onte, véspera deste 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista, as redes botaban fume con motivo da campaña do Goberno galego ao redor do 25-N. O motivo, uns carteis nos que os lemas responsabilizan e culpan as mulleres da violencia machista. Unha campaña que semella ideada por persoas sen lentes lilás, asentadas no sistema patriarcal, o mesmo do que agroman as violencias que agriden e matan as mulleres. Cando o feminismo fica nun broche e non na cabeza vense estas campañas. Con todo, errar é humano, adóitase dicir, e rectificar de persoas sabias.

Porén, non houbo rectificación pese ás numerosas demandas que onte se fixeron nas redes e comunicados por parte de centos de persoas mais tamén de entidades feministas e sociais, dos grupos parlamentarios da oposición así como de institucións como Deputacións e Concellos. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, limitouse a dicir non obstante que non tería sentido retirar a campaña porque como hoxe é 25 de Novembro, esta xa chega á súa fin. E así é que chegamos a un 25-N onde, botando a ollada atrás, a aquel 2009 antes de que Alberto Núñez Feixoo chegase a San Caetano, o orzamento da Xunta para Igualdade era 11 millóns superior ás novas contas do Goberno galego. Feminismo para transformar. Máis necesario ca nunca.

Comentarios