Opinión

Un paso adiante ao que deben de seguir outros

O proxecto de Lei de memoria democrática foi aprobada onte polo Consello de Ministras e substitúe a Lei de memoria histórica de 2007. A norma permitirá pór en marcha un rexistro de vítimas do franquismo, introducir a memoria histórica no currículo escolar ou facilitar o acceso a arquivos. Pasos todos eles aplaudidos polo movemento galego pola memoria. Mais, salienta, a norma é insuficiente para poñer fin á impunidade franquista.

A norma non toca aquela lei de punto e final de 1977 que deixa sen castigo o franquismo e que, ademais, fai que os principios da xustiza universal non sexan de aplicación. Ningún vitimario vai ser xulgado polo que as vítimas non terán unha verdadeira reparación.

“Haberá que seguir acudindo a Arxentina a pedir xustiza”, lamentan desde o movemento galego pola memoria. Porque, consideran, o novo proxecto de lei non quer tocar a ‘arquitectura’ da transición e iso, indican, supón que os crimes da ditadura non terán castigo.

Un paso positivo mais insuficiente, resumen. Ao que engaden o temor a que este paso, ademais, non sexa cumprido, tal e como pasou coa propia Lei de memoria histórica de 2007 e que evidencian os nomes franquistas que perviven no mapa de rúas da Galiza.

Comentarios