Opinión

O Parlamento debe investigar o caso Villar Mir

Cada día son máis inequívocos os indicios que apuntan as conexións do Grupo Villar Mir coa trama de financiamento irregular do PP. Non só polas evidencias que deitaban os chamados papeis de Bárcenas, senón polas novas pesquisas do xuíz Eloy Velasco, que puxeron primeiro os focos sobre Javier López Madrid, xenro do magnate, e presidente de Ferroglobe, e que, en segunda instancia, se debruzaron sobre as actividades pretensamente delictivas do propio Villar Mir.

A mecánica debuxada polas pesquisas xudiciais é simples: diñeiro irregular e fraudulento para o PP e, en troca dos favores, contratos e concesións públicas para Villar Mir.

Perante esta situación, e tendo en conta que Villar Mir pretende da Xunta a autorización para a venda das centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica na Costa da Morte, parece moi oportuna a proposta do BNG, secundada por En Marea, de constitución dunha comisión de investigación que indague sobre os contratos coa Xunta asinados polo grupo propiedade de quen fora vicepresidente do tardofranquista goberno de Arias Navarro.

Non son de recibo as obxeccións que formulan PP e PSdeG contra esta comisión. Se non hai nada que agachar, que sentido ten opoñerse á súa constitución?

Comentarios