Opinión

A pandemia da saúde mental

[Alberte Mera]

Os efectos da Covid na sociedade son innegábeis, tamén na saúde mental. As mortes de seres queridos, os ingresos en UCI e hospitais, a distancia física, o confinamento, a soidade... Polo menos, a saúde mental comezou a cobrar protagonismo no debate social e político visualizando que esta outra pandemia que afecta por dentro non soporta o desmantelamento da sanidade pública.

De media, o tempo que pasa desde que Medicina de Familia deriva unha persoa á unidade de saúde mental do Sergas é de seis meses. Medio ano para recibir atención psicolóxica ou psiquiátrica. Cóntanme varias usuarias da unidade de saúde mental do Sergas que o peor non é a agarda pola primeira sesión de terapia, senón que unha vez dentro do sistema, a espera para a seguinte sesión adoita ser de catro meses. Aliás, a Galiza está á cola na media de psicólogos e psicólogas clínicas por 100.000 habitantes (18 en Europa, 6 no Estado e 3,5 na Galiza). E con isto, a Galiza aparece á cabeza do Estado en consumo de psicofármacos.

Moitas persoas están recorrendo á atención de especialistas da privada, que de media custan 60 euros por sesión de unha hora. Se a atención é de unha sesión por semana, son 240 euros mensuais. Un ben ao alcance de poucas persoas. Eis os froitos dos recortes sanitarios da Xunta.

Comentarios