Opinión

De pactos e falacias

[María Obelleiro]

Os días posteriores ás eleccións municipais, asistimos ao goteo de informacións sobre pactos entre forzas políticas, ben a modo de apoio externo ao Goberno ben facendo parte del. E no medio das reunións entre as organizacións volven xurdir as ladaíñas da dereita contra os acordos. Cando sae beneficiado, o PP apela a que debería gobernar a lista máis votada, mentres que obvia este discurso cando non lle acae, como aconteceu na cidade de Ourense no mandato que conclúe este mes. O caso é que mentres as esquerdas e o nacionalismo galego chegan, habitualmente, a entendementos para beneficiar as maiorías sociais, o PP só pode pactar co ultraespañolismo, co que comparte axenda económica e o modelo de organización territorial do Estado español.

Que goberne a maioría, proposta que aparece e desaparece da axenda mediática en función dos intereses do PP, contradí o principio electoral da proporcionalidade, en virtude do cal as decisións adóptanse en función da representatividade das forzas políticas; atenta contra a diversidade ideolóxica e corrompe a expresión do pobo. Imaxinemos que un partido obtén 35% dos votos, outro 30%, outro 20% e outro 15%. De ir adiante a idea do PP, só terían validez os votos do partido gañador (cun 35% do apoio) e os votos do 65% do electorado irían parar ao lixo.

Comentarios