Opinión

Os días despois

[María Obelleiro] 

Pasou o día... pasou a romaría, di o refraneiro popular. Feixoo tiña présa por acometer novos recortes na sanidade pública. Tanto ten que vivamos nunha situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. Tanto ten que, precisamente por iso, tivesen que adiar citas médicas, probas e intervencións cirúrxicas. Tanto ten que moitas vilas costeiras da Galiza vexan incrementada a súa poboación durante os meses de verán. Pasaron as eleccións e o PP volve meter a tesoira e suprime a ambulancia medicalizada do Salnés e fecha plantas hospitalarias en Vigo e en Compostela.

Tamén deixou pasar o 12-X Feixoo para presentar o polémico protocolo Covid-19 para o próximo curso escolar. Un documento cualificado de "temerario" polos sindicatos, que se retiraron da última mesa sectorial para amosar o seu rexeitamento a unhas directrices que foron elaboradas de costas ao persoal docente e ás familias. En resumo, a Xunta non contempla nin reducir a ratio de alumnado por aula nin aumentar persoal docente e non docente. Máis unha vez, prima o criterio economicista sobre a saúde.

Comentarios