Opinión

Optimismo ou hipocrisía?

[María Obelleiro]

O Goberno galego entrega hoxe no Parlamento o proxecto de lei de orzamentos para 2023. Será entón cando poidamos debullar unhas contas que parten dun escenario controvertido. O contexto macroeconómico debuxado pola Xunta da Galiza responde a un optimismo desmedido ou é unha mostra de cinismo? O Executivo de Rueda contempla un crecemento da economía galega de 1,7%. Unha porcentaxe que a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) reduce a 0,6%. Tamén resulta sospeitosa a previsión a respecto do desemprego, que o Goberno galego sitúa por baixo do 10%. Algo, infelizmente, difícil de ver tendo en conta as predicións dos distintos organismos públicos e privados.

O que si sabemos dos orzamentos de 2023 é que a partida que máis aumenta é a destinada ao pagamento de xuros da débeda pública. Un capítulo que evidencia a xestión de Feixoo nas diferentes etapas de goberno e que botan por terra o argumentario político que utiliza para criticar o papel do xefe do Executivo español. Así, se en 2009, ano en que o PP volveu a San Caetano, a débeda se situaba en 3.900 millóns, tras a liquidación dos orzamentos de 2021 ficaba en máis de 12.000 millóns. Curiosa a dupla vara de medir dun PP que critica en Madrid o que el propio fai na Galiza.

Comentarios