mércores 03.06.2020

A Oposición será a Oposición

Desleixo. Abandono. Neglixencia. Falta de respecto mentres nós mantemos a nosa educación, esa que semella non preocuparlle, que non é punto importante na axenda política, presidente, conselleira de Educación. A vida mudou e mudounos máis que as paisaxes solitarias das cidades, a vida que vai por dentro non se ve. Hai que reinventarse tamén para ser alumnado e profesorado. Hai que inventarse e asumir unha capacidade de resiliencia que nin se sospeitaba para ser unha opositora, para estudar e preparar un temario ao que unha terá, por forza e sen sentido, que se presentar no mes de xuño. Todo dentro da casa, presidente, conselleira, nesa paisaxe que vai por dentro, poboada de teletraballo, de familia, de medo, ansiedade, angustia.

Os temas, os libros, as unidades didácticas, todo fica arrombado nun curruncho. Este virus deulle a volta a todo, ás vidas de quen debe ter conta da súa e da do resto, de rapazada e maiores. Como se pode estudar así? Agora e en xuño, presidente, conselleira, a saúde é o primeiro. Isto sábeno en toda España, esa á que tanto lle gusta pertencer. Abandonen o electoralismo, non xoguen coa vida. Dean a cara, aparezan, dialoguen, escoiten. A oposición estouparalle nas mans.

comentarios