Opinión

A oposición de Feixoo a Sánchez

[María Obelleiro] 

Feixoo voltou intervir na CRTVG en directo á hora do xantar. O ton, o de sempre: por veces, mitineiro. Comezou en galego e mudou ao español cando tratou de vestir o traxe de xefe da oposición a Pedro Sánchez. Teno todo medido. Tamén como proceder para que as canles estatais se fagan eco da proposta de lei orgánica de saúde. Antes de xogar en chave estatal, debera ocuparse de exercer as súas competencias no territorio que goberna e resolver os problemas que teñen millares de galegas e galegos, a comezar polo colapso da Atención Primaria, co desabastecemento da vacina da gripe incluído, todo o caos relativo ás PCR e os contaxios en varios centros hospitalarios e ambulatorios.

Se volver Feixoo intervir con frecuencia na CRTVG, sería bo que tamén lles dese réplica á oposición e ás plataformas sociais. O ente público debería responder aos intereses da Galiza e non do Partido Popular. Mais semella que isto non muda. O último exemplo, o do Luar, onde se reprendeu unha regueifeira por apoiar o colectivo Defende a Galega. Non andan con brincadeiras na TVG!

Comentarios