Opinión

O último da fila

[Alberte Mera]

Malos tempos para o ensino. Se o curso comezou a pasada semana con protestas da comunidade educativa contra os recortes de profesorado, o Parlamento está a abrir o curso tamén con tensión sobre as cifras en Educación que deixan unha auténtica maraña de números. Con todo, mesmo indo a fontes institucionais as contas cantan: o informe Datos e cifras do ensino non universitario confeccionado pola propia Consellaría de Educación indica que a Galiza tiña no curso 2009, cando Núñez Feixoo chegou á Xunta, un total de 31.375 docentes no ensino público. Román Rodríguez, titular de Educación, cifrou onte no Parlamento o número actual de docentes en 30.534. Restemos: 841 ensinantes menos que en 2009.

Non estivo onte exento de guerras de cifras o debate parlamentar, tampouco a actividade política no Estado e desde a Galiza fixeron memoria as nais e pais de Lugo, para pór algo de sentidiño á hora de pregoar anuncios. Acaido recordatorio da Federación de ANPA luguesas a Núñez Feixoo sobre o mal que está retorcer a realidade para facer campaña. As ANPA recordáronlle o feo que é propor agora a gratuidade dos libros de texto a nivel estatal logo de el mesmo ter suprimido esta medida na Galiza. E así, un novo curso político bota a andar na Galiza, co ensino, un ano máis, como o último da fileira.

Comentarios