Opinión

O SOS en terra

[María Obelleiro]

"Sabemos que están mortos, mais non merecen o abandono". Estremecen as palabras da filla dun dos tripulantes do Vila de Pitanxo que permanecen desaparecidos. Os pesqueiros que faenaban na zona do naufraxio retomaron onte as súas tarefas despois de que as autoridades do Canadá puxeran punto final á busca dos mariñeiros argumentando unha situación meteorolóxica adversa. De pouco valeron as peticións das familias ao Goberno español, que avalou a decisión de suspender o rescate.

Sen cooperación, sen axuda, sen amparo. Así é como se senten estas familias, que só queren comprobar que se fixo todo o posíbel para poder recuperar os cadáveres dos seus seres queridos co fin de despedilos, para poder ficaren tranquilas. O SOS desde terra apela á sensibilidade, á solidariedade, ao respecto e á responsabilidade das autoridades públicas, que deben agora prestar axuda ás persoas afectadas polo afundimento do barco, nomeadamente a aquelas de procedencia africana e americana, que teñen maiores dificultades burocráticas para ver garantidos os seus dereitos. Que as fillas e fillos, que as donas, non fiquen soas. Agora que os medios de comunicación damos voz, que a sociedade está sensibilizada, que os cargos públicos visitan O Morrazo, mais tamén nuns meses, cando o naufraxio deixe de ser noticia e diminúa o impacto. Agora e entón hai que axudalas, que se sintan amparadas.

Comentarios