Opinión

O silencio de Rueda

[Alberte Mera]

Volve todo á normalidade após o Nadal, con distintos ritmos. A Xunta de Portavoces do Parlamento da Galiza fechou onte a orde do día do que será o primeiro pleno do ano no Pazo do Hórreo.

E, pese á crise sanitaria que se está a vivir, as deputadas e deputados do Partido Popular rexeitaron onte nesa reunión que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, compareza no primeiro pleno da Cámara galega para das explicacións e propostas de actuación ante a morea de denuncias que dan conta do colapso sanitario: desde as dramáticas imaxes que amosan o desbordamento dos servizos de Urxencias con pacientes amoreados en corredores de hospitais, a ultimatos de sindicatos pola sobrecarga laboral, a críticas de pacientes e profesionais polos Puntos de Atención Continuada que fican desatendidos por falta de persoal.

Non. Non será o presidente quen suba ao estrado do Parlamento galego para abordar esta situación, nin sequera tendo varias convocatorias de manifestacións enriba da mesa en prol da sanidade pública para as vindeiras xornadas. A negativa do PP ante o requirimento de comparecencia realizado onte polo BNG é unha mágoa.

Nos momentos de crise, como a que vive a sanidade, é onde un presidente amosa o seu valor. Mais o silencio tamén é unha resposta, clara e contundente. Mágoa, porque a crise da sanidade necesita de moita altura política.

Comentarios