Opinión

O señor X

A CIA di que Felipe González é o señor X dos GAL. Podemos crer ou non o que din eses papeis. Mais admitiremos que os informes da CIA son, polo menos, tan serios e rigorosos como os que elabora a Garda Civil baixo a supervisión do coronel Pérez de los Cobos, sexa sobre o procés ou sobre a presenza da COVID-19 na manifestación do 8-M en Madrid. E se a Xustiza dita sentenzas, como no caso de Catalunya, tomando como base eses informes pois haberá, entre tantas mentiras, algunha verdade. Digo eu. Ou non.

Mais voltemos ao caso, a ese señor X, republicano que asenta a monarquía, o que dixo "OTAN de entrada non", o que anos despois de deixar o Goberno confesou que sofría de aborrecemento no Consello de Administración de Gas Natural, un posto mal pagado no que estivo catro anos e medio por só 566.000 euros. Iso si, aborrecido.

Pena de ex presidentes que despois de deixaren o posto acoden ás listas de vacantes nos consellos de administración de grandes empresas para viviren unha vida tan amolada e amarga. E cos GAL na conciencia!

Comentarios