Opinión

O Rei sentado

[Xoán Costa]

Parece que o rei Felipe VI segue os pasos do seu pai, o emérito. Polo menos no que se refere ás relacións internacionais. E se o xefe de Estado actual segue os pasos do xefe de Estado de antes é evidente que se trata de política de Estado e que España non renuncia, ou mellor, non recoñece o seu pasado colonial. E non (re)coñecer o pasado é a peor das opcións para ter futuro. En 2007 Juan Carlos I, considerado polos poderes españois o libertador da democracia española, recriminou Hugo Chávez por chamar fascista a Aznar. Foi aquel tan comentado "¿Por que no te callas?" seguido do abandono da reunión. Abandonar unha reunión política por discrepancia con algunha idea ou opinión aínda pode ser aceptábel. Mais permanecer sentado durante a exhibición dun símbolo, sexa bandeira, himno ou espada, cando todas as demais persoas, mandatarios ou non, se poñen de pé, é torpeza política, insensibilidade e desprezo cara ás crenzas das demais.

Desde agora Felipe VI merece pasar á historia como o Rei sentado.

Comentarios