Opinión

O que Mato deixou

[María Obelleiro]

Ben coñecida é a relación de partidos políticos españois cos consellos de administración de grandes empresas, nomeadamente das eléctricas. Un dos casos máis paradigmáticos é o de Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente e ex candidata polo PP á Alcaldía da Coruña nas municipais de 2019. Hoxe é coñecida por ser directiva de Greenalia, empresa que se beneficiou de decisións adoptadas pola Consellaría dirixida na altura pola propia Mato.

Ademais de informar de maneira favorábel a respecto de tres parques eólicos, vense de saber que Mato participou do Consello da Xunta que declarou proxecto de interese especial os parques aos que, previamente, concedera a autorización administrativa para a súa posta en marcha. A Consellaría tamén aprobara a central de biomasa explotada por Greenalia en Curtis, sen sometela ao proxecto de avaliación de impacto ambiental.

Agora Adega recorre ao contencioso administrativo contra os tres proxectos eólicos de Greenalia que contaron coa conivencia da hoxe membro do consello de administración desta empresa, ao entender que existe unha fragmentación artificiosa dunha única instalación eólica despezada en tres parques para poder ser, así, tramitados pola Xunta da Galiza, con Feixoo, á fronte.

Comentarios