Opinión

O papel de ENCE

[Xoán Costa]

É ben coñecida a política de Ence sobre un posíbel traslado da factoría fóra da ría de Pontevedra: non existe ningún outro lugar que reúna as condicións necesarias para albergar as instalacións. Esta posición púxose novamente de manifesto coas declaracións da ministra Ribera sobre unha posíbel localización en "zonas de transición xusta", na Galiza As Pontes e Meirama (Cerceda). Ence está á espera de que o Supremo se pronuncie sobre o fallo da Audiencia Nacional que considerou que a súa actividade non ten por que realizarse na liña litoral, mais insiste en que non existen emprazamentos alternativos na Galiza. Polo menos até o ano 2033.

A Galiza ocupa o oitavo posto na produción forestal en Europa mais tal produción, con 20.000 empregos, apenas representa o 2% do PIB por non completarse aquí a cadea forestal. O traslado de Ence, que antes ou despois se ten que producir, debería ir enfocado cara a completar o ciclo do papel na Galiza. Se así non for, será bon para a saúde da ría de Pontevedra mais non para xerar valor engadido. Este debe ser o seu papel.

Comentarios