Opinión

O 'non' á OTAN

[María Obelleiro]

Transcendeu onte a constitución da Plataforma Galega contra a OTAN, con motivo da crise en Ucraína. Xurdida após a II Guerra Mundial, a organización atlantista nacera da man dos EUA e do "bloque occidental" contra os Estados socialistas do leste de Europa. Co fin da Guerra Fría e coa desaparición da URSS, a OTAN ficaba sen albo concreto, mais aquí segue, como brazo militar dos EUA e dos seus aliados. Do seu carácter agresivo dá conta a definición do seu concepto estratéxico en 1999, cando pasou de ser unha alianza militar entendida como defensiva a unha con dereito a intervir alí onde os seus membros tivesen intereses (tamén económicos e de control de recursos enerxéticos), así fose lonxe das súas fronteiras.

Estamos diante dunha organización -da que forma parte o Estado español- que representa unha ameaza para a paz e para a soberanía dos pobos. Unha aposta por unha política agresiva que tomou parte da Guerra do Golfo, do conflito iugoslavo -bombardeando Serbia sen mandato do Consello de Seguridade da ONU-, das guerras no Afganistán e no Iraq e mesmo tamén en Libia. Fronte as armas, sempre as palabras, o multilateralismo e a negociación. Eis as chaves para resolver pacificamente a crise en Ucraína.

Comentarios