Opinión

O monte, a monte

[María Obelleiro]

Os datos que recollemos hoxe neste número evidencian o abandono do rural e unha política forestal cuxo norte pasa por alimentar os grandes grupos madeireiros que non completan o ciclo da produción na Galiza. Advírtese na reportaxe que a masa forestal ocupa aquí unha porcentaxe moito maior que a media estatal e que máis dun cuarto desa porcentaxe está ocupada polo mato. Unha superficie que xa supera a cultivada e que tamén é maior que a destinada a prados e zonas de pastoreo. Precisamente, tal e como denuncian as organizacións agrarias, a falta de base territorial é un dos problemas que padecen as explotacións gandeiras e que levan a aumentar os custos de produción.

Esta radiografía presenta unha Galiza abandonada no interior, unha Galiza convertida nunha polvoreira que se agrava cos efectos do cambio climático. Unha Galiza pasto de incendios máis virulentos que nunca e que serán inevitábeis se non se actúa na raíz. Á dotación de medios suficientes cumpriría sumar unha política de ordenación do monte decidida, que crease riqueza non só para uns poucos, con plantacións multifuncionais que acaben co invasión esaxerada de especies pirófitas. Se reparamos nas cifras que recollemos, entenderemos a magnitude do problema que debemos afrontar se queremos garantir un futuro digno e sustentábel.

Comentarios