Opinión

O dereito á verdade

A s dúbidas sobre a xestión do rebrote do coronavirus na Mariña aumentan día a día. A Xunta da Galiza ofrece uns datos sobre o alcance da pandemia que cuestionan persoal sanitario e responsábeis políticos da comarca. Habería entón máis positivos en Covid-19 dos transmitidos oficialmente pola Consellaría de Sanidade. Que o Goberno galego mente evidénciao tamén un informe do Sergas, que se recolle nun auto do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo, onde se advirte dunha posíbel transmisión comunitaria, e non dun brote, do coronavirus na Mariña. O citado auto tamén recoñecía que as medidas aplicadas polo Goberno de Feixoo para conter a Covid-19 "fracasaron ou non foron suficientes para impedir que a infección se difundise até acabar cun nivel difícil de manexar con medidas de base individual". Só un día antes, o Sergas advertía de que "os brotes estaban controlados". A poboación galega ten o dereito a coñecer o estado real da pandemia na Galiza e a Xunta ten o deber de dicir a verdade nun tema de tal transcendencia, que afecta á saúde de todas e todos, antes de votar.

Comentarios