Opinión

O Colapso

[Alberte Mera]

Nos meses de confinamento colleu protagonismo nas plataformas de cinema e series en liña a francesa O Colapso. Moi acaída para aqueles momentos... Na serie o mundo chega á súa fin polo abuso que o ser humano fixera do planeta. Fame, guerras, avaricia, violencia... As persoas sacaban á luz o seu comportamento máis individualista e asocial para competir pola supervivencia, un "sálvese quen poida" nunha voraxine de desfeita capitalista.

E aquí, na Galiza de 2022, após confinamentos e algo fartos e fartas de ver series apocalípticas, vivimos o noso "particular" colapso ou colapsos: o do clima, o da desindustrialización... Mais neste caso concreto refírome ao da sanidade pública, co persoal de Medicina Interna até a extenuación e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, optando por facer rotar o persoal por múltiples centros. E refírome tamén ao colapso da Administración pública galega para dar saída ás valoracións de discapacidade. Até 12.500 expedientes estaban a día de hoxe esperando a ser valorados, cuns tempos de agarda medios de 138 días. Non son cifras tiradas da manga de quen lles escrebe. Son cifras dadas onte en sede parlamentaria polo director xeral maiores da Xunta da Galiza.  Precísase máis persoal, máis recursos públicos, hai moita xente agardando que non pode máis.

Comentarios