Opinión

O abrazo

[María Obelleiro]

Alén da fotografía co traficante Marcial Dorado, Feixoo ten no seu haber outra imaxe icónica. Referímonos á que o reflicte abrazado ao presidente de Iberdrola o día da súa toma de posesión, no Obradoiro, como xefe do Executivo galego. Non foi aquel un abrazo calquera. Ía alén da complicidade. Era de familiaridade, de moita confianza. Corría o ano 2009, e unha das primeiras decisións de Feixoo á fronte do Goberno fora tombar o concurso eólico do bipartito. Tratouse dun dos grandes cabalos de batalla do presidente para chegar ao poder, coa colaboración do poder mediático. A desfeita fora tal que o Supremo chegou a considerar ilegal a anulación do reparto.

Máis de 12 anos despois daquela aperta, o presidente de Iberdrola, ao igual que Dorado, sentaba no banco da Audiencia española imputado por presuntos delitos de suborno, contra a intimidade e falsidade en documento mercantil, en relación aos sucesivos encargos que durante anos efectuaría ao comisario Villarejo. A corrupción paira sobre o máximo responsábel de Iberdrola, o primeiro operador de enerxía renovábel da Galiza, aquel que quere erixir muíños xigantes no litoral, sen atender os prexuízos á pesca, para enriquecerse aínda máis, e ao largo do país. Un dos máximos expoñentes da burbulla eólica.

Comentarios