Opinión

Novos fielatos

[Xoán Costa]

Na metade do século XIX o Estado estabelece unha serie de oficinas de xestión municipal encarregadas de cobrar arbitrios aos cidadáns por entrar nas cidades viño, carne, aceite ou peixe. Eran os fielatos, unha fórmula recadatoria moi impopular que gravaba tanto a produción de pequenas vendedoras de legumes, froita ou peixe que facía imposíbel a rendibilidade destes oficios, o que levou a varias protestas que remataron coa intervención da Garda Civil. Esta actividade racadatoria foi de grande importancia para algúns concellos, chegando a supor, en moitos casos, entre o 50% e o 70 % dos ingresos municipais.

Agora, o goberno do Estado pretende instalar nas autovías sistemas de pagamento por circular que en pouco diferen dos fielatos. A medida terá, sen dúbida, efectos negativos para as consumidoras ao incrementar os custos da actividade económica e laboral para unha sociedade privada de transporte público suficiente. E, probabelmente, será unha empresa privada a que asuma o cobro das portaxes. Xa me dirán onde está a xustiza social.

Comentarios