Opinión

nosdiario.gal

[María Obelleiro]

Seguimos sumando, paso a paso, letra a letra. Con motivo do décimo aniversario da posta en marcha do dixital do que naceu Nós Diario, sermosgaliza.gal, quixemos darlle unha volta ao deseño, para acompañalo cos tempos. Xa está en marcha unha web máis limpa e áxil, cunha redución substancial do tempo de carga e cunha accesibilidade intuitiva, así como coas funcionalidades potenciadas e con novos contidos xornalísticos. Eliximos o día de onte para presentar a páxina remozada porque foi o 26 de abril cando saíu á rede Sermos Galiza.

Esta é máis unha mellora que acometemos no medio de comunicación desde comezos deste 2022, cando apostamos por publicar pezas de análise de persoas expertas en diversos campos. Mais as boas novas non fican aí. Con maio, o semanario Sermos Galiza, que até o nacemento de Nós Diario, saía do prelo nas quintas feiras, suma 500 números e celebraremos ese medio milleiro de edicións cun número especial, coa ollada posta no futuro. Será en xuño —mes en que, no ano 2012, vía a luz Sermos Galiza en papel— cando nos xuntemos para poder soprar as candeas dun proxecto que quere seguir avanzando, coas vosas mans e cos pés na terra. Obrigada por estardes. Grazas a vós somos e seguiremos sendo!

Comentarios