Opinión

Nós

[Xesús Piñeiro]

Nós foi proclamada Palabra do Ano 2020 polas persoas que participaron na elección popular promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. 

A palabra gañadora é moito máis có pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. É tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle daría igualmente nome ao grupo galeguista organizado arredor dela. En palabras do profesor Ricardo Carvalho Calero, os integrantes da xeración Nós europeizaron a cultura galega e déronlle á prosa galega "un pulo nunca visto nos tempos modernos". 

E que Nós sexa elixida palabra do ano precisamente neste 2020 é tamén motivo de ledicia para todos e todas as que dun modo ou outro achegamos o grao de area para poñer en andamento Nós Diario, un soño que virou nunha realidade. O diario en galego que se estreou o 2 de xaneiro deste ano na rede, nos domicilios das máis de 3.000 persoas subscritoras e en máis de 2.400 puntos de venda; seguirá en 2021 apostando polo xornalismo en galego. Grazas.

Comentarios