Opinión

'Nós Diario', sempre en galego

[María Obelleiro]

Pasou o día, pasou a romaría. Este dito do refraneiro popular ben representa o que, infelizmente, atopamos hoxe, 18 de maio, nos quioscos: diarios editados na Galiza, en español, a excepción de Nós Diario. Tamén podería atribuírselles a estes xornais o de "Unha vez ao ano non fai dano", pois só o 17 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas, compoñen a súa capa na nosa lingua. Eses mesmos medios de comunicación, que traducen ao castelán declaracións e entrevistas realizadas a persoas galegofalantes, son os que reciben a maior parte da torta das axudas económicas do Goberno galego. Pídeselles redactar, cando menos, o 10% dos contidos totais no idioma da Galiza -unha porcentaxe que fica lonxe do que cada día recollen-.

Apenas dúas semanas após coñecer que Nós Diario volve ser vetado no reparto das subvencións á prensa escrita, vimos de saber que a Consellaría da que era responsábel o novo presidente, Alfonso Rueda, concedeu miles de euros en axudas públicas a medios de comunicación españois que incumpren a Lei de normalización lingüística, co seu uso reiterado de topónimos deturpados. O xefe do Executivo referíase onte á "cordialidade lingüística", un concepto que na Galiza é dificilmente aplicábel co proceso de substitución que se está a producir, derivado, en gran parte, pola falta dunha política que garanta os dereitos das persoas galegofalantes e que promova o galego.

Comentarios