Opinión

Normalizar a pobreza

[María Obelleiro]

Hai datos que retratan con precisión cirúrxica as fendas dunha sociedade. Así, por exemplo, o informe sobre o estado da pobreza na Galiza, da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza), recolle que 237.769 galegas e galegos viven na pobreza severa. A maiores, advirte da evolución negativa desta cifra, tras incrementarse en 31% desde 2015, afectando na actualidade perto de 65.000 persoas máis que en 2008.

As cifras do informe de EAPN-Galiza asustan. O relatorio sinala que “Galiza ostenta a máis elevada porcentaxe do Estado de pensións por baixo do limiar de pobreza [46,3%], tanto para mulleres como para homes” e apunta que “máis da metade das mulleres (56,6 %) teñen pensións con importes por baixo do limiar da pobreza e case un terzo dos homes (30,8%) están na mesma situación”.

A pobreza ten causas e por iso os poderes económicos e os seus voceiros políticos e académicos se afanan en normalidade. Responde á conformación dunha estrutura social, cuxas relacións de produción se configuran dunha maneira determinada, e ao papel dun país na división internacional do traballo. En definitiva, a pobreza xera vítimas e os seus responsábeis son, tamén, aqueles que a normalizan.

Comentarios